Teño que recoñecer que non lembro cando foi a primeira vez que visitei a librería Kómic. O único que podo dicir e que teño a sensación de que sempre estivo ahí. Nacín en Santiago de Compostela en 1977 e dende o ano 1986 vivo na mesma rúa, a pouco máis de 200 metros, que esta referencia na banda deseñada en Galicia. Unha gran parte da miña vida e dos meus gustos xiran entorno a un escaparate que variaba de contidos cada dous por tres. Alégrome por este aniversario.

CARTEL EXPO KOMIC

Hai xa vinte anos que a primeira librería especializada en banda deseñada que houbo en Galicia abriu a súas portas. Trátase da libraría Kómic, onde podemos atopar todo tipo de bd (especialmente cómic europeo) e productos relacionados (figuras, cartas, xogos, camisetas, cartazes de cine, etc.). Situada na rúa de San Pedro de Mezonzo 34, acadou, ao longo destas dúas décadas, converterse nun importante punto de referencia a nivel galego, ademais de facerse cun lugar propio no Ensanche compostelán. Para celebrar este aniversario realizarase, do 3 o 13 de outubro, no centro sociocultural e xuvenil do Ensanche, unha exposición conxunta de dous dos autores galegos máis recoñecidos: Fran Bueno e David Rubín. Contaremos así mesmo coa presencia de Álvaro Pons, posiblemente o crítico de cómics máis importante do país. E, coma colofón, faremos unha festa concerto na Sala Nasa, o día 11 de outubro, coa actuación estelar de banda de Nash.

Fran BuenoFran Bueno. Santiago de Compostela, 1967. Minucioso observador, home de mirada tranquila, Fran Bueno é un corredor de fondo da bd galega, o único autor do país que acadou unha certa estabilidade profesional no mercado estadounidense coa serie Noble Causes (Image Comics). Licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid en 1991, os seus primeiros traballos viron a luz en publicacións coma Totem, Frente Comixario, Elipse ou Diario 16. No ano 1992 formou parte do proxecto de Vía Láctea editorial de levar a historia de Galicia ás viñetas co álbum O máxico arrecendo. Para o Consello de Cultura Galega realizou tres obras na colección Ciencia para todos. Na revista Golfiño, e en colaboración con Marilar Aleixandre, publicou a serie Os escachapedras. Nos últimos anos colaborou activamente en varias das citas fundamentais da bd galega, coma o Salón de Banda Deseñada de Cangas ou o Viñetas desde o Atlántico da Coruña, ademais de publicar na revista francesa Lanfeust e a devandita serie Noble Causes para Image.

David RubínDavid Rubín. Ourense, 1977. Amante do licor café e de Jack Kirby, das pelis de artes marciais e dos cómics de superheroes, romántico posmoderno e prolífico autor, debuxante e animador, David Rubín é, sobre todo, un contador de historias. Cofundador do colectivo Polaquia no ano 2001, ten publicado as súas historias en numerosas revistas e fanzines, coma Barsowia, BD Banda, Golfiño, Tos, El fanzine enfermo, ou Dos veces breve. No ano 2005 publica o seu primeiro álbum monográfico, El circo del desaliento (Atisberri), ao que seguiron Onde ninguén pode chegar (Lea, 2006) e La tetería del oso malayo (Atisberri, 2006). Malia ser un autor novo son moitos os premios e galardóns que acadou ate o momento, de todos eles cómpre salientar o primeiro premio das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense no 2000, o I Premio Castelao de BD da Deputación da Coruña no ano 2005, o Premio Injuve 2006 na categoría de cómic e o Premio Josep Toutain ao Mellor Autor Novel no Salón Internacional do Cómic de Barcelona 2007. Alén disto traballa na productora coruñesa Dygra Films onde prepara a súa primeira longametraxe de animación.

Programación

Día 3 de Outubro: Ás 20:00 horas no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche terá lugar a inauguración da exposición coa presencia do conselleiro de cultura Nestor Rego Cadamil e dos autores Fran Bueno e David Rubín.

Día 11 de Outubro: Ás 12:00 horas no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche terá lugar a conferencia a cargo de Álvaro Pons "B.D. Galega, a visión exterior". O mesmo día ás 19:00 horas haberá unha charla coloquio con Álvaro Pons, David Rubín e Fran Bueno. As 22:30 na Sala Nasa terá lugar a festa / concerto coa banda de Nash.